segunda-feira, 9 de setembro de 2013

Vai-se constituír unha comisión de seguimento e un grupo de traballo para velar polo saneamento integral da Ría de Ferrol

En proceso de constitución unha Comisión de Seguimento para realizar un control social das iniciativas levadas a cabo polas distintas administracións relacionadas co saneamento da Ría de Ferrol. Esta Comisión deberá velar para que estas iniciativas non se contrapoñan, desvíen recursos públicos ou obedezan a outros obxectivos alleos a conseguir a recuperación integral da Ría.

As asociacións ecoloxista, ambientalista e ecopacifista: ADEGA, SGHN e VERDEGAIA, xunto ao Colectivo Veciñal Opositor ao 'Tanque de Tormentas' no parque público 'Pablo Iglesias' -integrado na  Comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, realizaron unha asembleia celebrada no Carvalho Calero o pasado día 3 de Setembro. Na Asemblea na que houbo unha importante representación do movemento asociativo, tamén dos grupos políticos de ámbito municipal a excepción dos que conforman o goberno da cidade, informouse e debateuse sobre o proxecto de saneamento en execución na comarca de Ferrol (Condución de augas residuais, depuración e vertido de Ferrol), aprobado polos gobernos municipal de Ferrol e Narón, acuaNorte, Aguas de Galicia e Xunta de Galicia. Que con un elevado custe pretenden levar acabo e que todos e todas teremos que costear, un custe que non vai rematar cos vertidos á Ría, e que vai hipotecar a futura rexeneración integral da mesma.

Nesta asemblea chegouse ao acordo de crear unha 'comisión de seguimento' e un 'grupo de traballo', na que se van a integrar diversos colectivos participantes na mesma, co obxecto de iniciar un proceso de debate social de formación e información coa cidadanía comarcal, para defender unha proposta de saneamento integral real da Ría, que tenda como mínimo a separación de augas fecais e pluviais, a separación de augas en orixe e a reutilización en todo o posible das augas pluviais. Que cambie un modelo de saneamento obsoleto e desfasado. Quedou claro nesta asemblea que co actual sistema de saneamento en proxecto vanse seguir producindo verquidos contaminantes a Ría. O fin último da constitución deste grupo de traballo e da comisión de seguimento será a recuperación da ría de Ferrol, patrimonio de toda a veciñanza, fonte de riqueza e lugar de lecer ao que todos e todas temos dereito.

A partires do martes 12 de Setembro, ás 20:30hs, na próxima semana, comezarán as sesións do grupo traballo que queda aberto a novas incorporacións (rúa Euzkadi, núm.6).

Para contactar:
Comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil
cidadansversustanquestormentas@gmail.com

ADEGA
adegatrasancos@adega.info

SGHN
ferrol@sghn.org

VERDAGAIA
ferrol@verdegaia.org

++++++++++