domingo, 15 de setembro de 2013

Saneamento si, mais non así, ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas


Por Miguel Reimúndez e Alexandre  Carrodeguas [*]
10.09.2013
| 27.08.2013 | 14.08.2013


I

As obras de saneamento da marxe dereita da Ría de Ferrol estanse a xustificar no cumprimento da normativa europea e na recuperación da ría para o marisqueo. Sen embargo, en primeiro lugar, o modelo escollido é insuficiente e insubstentable dende o punto de vista ambiental e económico: non elimina totalmente os verquidos de augas residuais á ría e ten e vai ter uns enormes custos construtivos, de mantemento e enerxéticos a asumir por tódolos cidadáns nas próximas décadas, vía endebedamento público e subida da tarifa do servizo.

A Directiva Marco da Auga do ano 2000 obriga a disminuir a niveis aceptables a contaminación dos ecosistemas acuáticos a fin de protexer o medio e a saúde humana. Antes de fins do 2018 tódolos estados membros da UE deberán demostrar que as augas costeiras, esteiros, ríos, lagos, augas territoriais mariñas e augas subterráneas se axustan a estes límites.

Mais a Ría de Ferrol vaino ter moi crú. Despois de investimentos de perto de douscentos millóns de euros, no 2015 seguirán sen depurar, entre outras, tanto as augas residuais daqueles núcleos urbanos que os novos interceptores non recollen, como as augas suxas ocasionadas polo “lavado” que a chuvia produce nos materiais almacenados á intemperie nas instalacións portuarias (chatarra, carbón, áridos contaminantes...) continuarán a verquerse directamente á ría.

Esta obra inclúe, aparte do colector xeral, un feixe de tanques de tormenta. A función lóxica destes depósitos soterrados, ademais de evitar inundacións, é separar as augas pluviais limpas das suxas. Mentres as primeiras pódense aliviar a un cauce ou ao medio mariño, as segundas, orixinadas polo arrastre de residuos presentes nos espazos públicos cando chove intensamente, deben ser depuradas.

Mais en Narón e Ferrol os tanques de tormenta van misturar augas brancas (freáticas), augas residuais e augas de chuvia, e as van enviar todas xuntas ao colector xeral para ser depuradas, impedindo a súa reutilización. No caso dunha chuvia forte que comprometa a capacidade de retención dos tanques, esta mistura de augas vai ser derivada directamente á ría, provocando un verquido contaminante.

A razón esgrimida para “perverter” así o funcionamento dos tanques de tormentas é que a cidade non conta cunha rede de saneamento separativo, pero esta é só unha verdade e medias. Boa parte da rede de saneamento da cidade (Bertón, Pérez Parallé, Esteiro, Recimil, Estradas de Catabois e Castela e rúas da Magdalena, Ferrol Vello, Canido e Ensanches) contan con colectores separados para augas pluviais e residuais.

Facendo caso das directrices do vixente PXOM, deberíase ir completando progresivamente a rede separativa dos diferentes barrios, ao tempo que se implementa un tratamento diferente das augas de chuvia de diversa procedencia, co obxectivo de reutiliza-las para procesos industriais, rega de zonas verdes ou limpeza de rúas.

Na mesma liña cumpriría permeabilizar os espazos públicos da cidade e incorporar sistemas de drenaxe sostible que reproduciran no medio urbano o ciclo natural da auga, diminuíndo así o volume de auga a tratar, especialmente no caso de chuvias intensas, reducindo así a sección dos colectores e a capacidade de bombeo, o caudal a tratar pola depuradora, o volume de lodos resultantes e a súa carga contaminante. Os custes enerxéticos e de mantemento do sistema serían así moito menores e o tratamento dos lodos resultantes da depuración sería máis viable.

Mais a obra en execución non conduce á posta en marcha de ningunha destas medidas, que a Nova Política Europea da Auga, centrada na re-utilización da auga de saneamento, vai esixir a partir do 2015.

Despois desta data seguramente asistiremos a outra posta en escena na que se nos explicará que o saneamento que agora se está construír non vale, e que, para evitar sancións da UE, hai que construír novas infraestruturas cuxo custe millonario só pode saír dos nosos petos.

Non estaría mal que, por unha vez, nos adiantáramos ao futuro.

II

Se os déficits ambientais do modelo de saneamento adoptado para a ría de Ferrol son graves, as consecuencias económicas que vai ter para os cidadáns nas vindeiras décadas non o son menos, sobre todo tendo en conta a perspectiva da privatización total do servizo.

A chave destas contas está la lectura do convenio asinado entre os Concellos de Ferrol e Narón e acuaNorte. Repetiuse unha e outra vez que o financiamento das obras de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol tiñan un custe de 37,6 millóns de euros, e que este corre nun 80% por conta da UE, un 10% por parte de augas de Galicia e outro 10% por parte do Estado.

Sen embargo esta obra non é a única que falta por acometer, e tanto o tramo de interceptor entre Cadaval e Neda como o interceptor da Malata, cun custe conxunto de case 23 millóns de euros, van ser financiados integramente por Augas de Galicia. Outro tanto acontece para o saneamento da Graña e San Felipe, aínda pendente de proxecto.

O Goberno de España non vai poñer un peso. Eses 3,76 millóns de euros aportados pola sociedade pública acuaNorte, agora integrada en Acuaes, non son unha subvención a fondo perdido, senón que constitúen un adianto do estado aos abonados de Ferrol e Narón. Segundo o convenio, esta cantidade deberá ser devolta á acuaNorte nos vindeiros 45 anos. Incluídos os gastos financeiros e o IVE, o montante desta devolución ascende a cantidade de 23,5 millóns de euros, a repercutir nos abonados do servizo ou a detraer dos respectivos orzamentos municipais.

Tendo en conta estas cifras, as obras que restan para completar o saneamento da marxe dereita de Ría de Ferrol vanse financiar nun 40% con fondos europeos, un 30% con fondos de Augas de Galicia e un 30% a cargo dos concellos de Ferrol e Narón. A repercusión da parte municipal sobre os abonados suporá, como mínimo, a duplicación da actual tarifa de saneamento do recibo da auga. Se lle engadimos os gastos de mantemento da infraestrutura, a tarifa actual, como mínimo, triplícase.

Mais isto, con ser preocupante, non é a peor das perspectivas posibles. A cláusula décima do convenio citado insta aos Concellos de Ferrol e Narón a crear unha entidade supramunicipal de xestión das infraestruturas que se están a construír antes de finais do ano 2015, con participación pública ou non. Isto abre a porta á posibilidade da privatización total do servizo.

O modelo escollido para o saneamento da ría mistura augas pluviais e residuais nos "tanques de tormenta", do que resulta un maior volume de auga a tratar. Canta máis auga se transporte ata a depuradora, maiores serán o custe de construción das infraestruturas, o seu financiamento e os custes enerxéticos e de mantemento. Maior será, polo tanto, o beneficio da empresa que xestione o servizo e das compañías eléctricas, e a inxección de liquidez que obterán os gobernos municipais que privaticen a auga. Maior tamén o perxuizo aos cidadáns en forma de débeda, que teremos que pagar nas vindeiras décadas coa subida do canon de saneamento sen saneamento real.

Compre, porén, replantearmos o sistema de saneamento escollido para a ría de Ferrol, reducindo a cantidade de auga a tratar por medio da recollida e tratamento diferenciado das augas residuais e pluviais. E ir así o tantas veces demandado saneamento "integral" da ría. Esta solución, ademais de supor evidentes vantaxes ambientais, reduciría a factura a pagar polos cidadáns no futuro.

Mais para poder adoptar outro modelo en función do interese común, é tempo de municipalizar o servizo de augas de Ferrol e Narón. Cidades europeas como París ou Berlín xa o fixeron ou o están a facer, con grandes melloras no servizo e rebaixas de tarifas para os seus aboados. A propia UE vai retirar en breve a auga da directiva de servizos a fin de rexeitar a procura da competitividade no servizo e así considerar o acceso a este ben un dereito básico dos cidadáns europeos. Se é importante aplicar hoxe criterios ambientais no saneamento que van ser obrigatorios no futuro, garantir o acceso á auga dos cidadáns é fundamental. E abandonar modelos obsoletos e gravosos para a toda a cidadanía.

e III

Nos anteriores artigos facíamos referencia ás importantes eivas ambientais e prexuizos económicos do proxecto de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol. A estas eivas xuntanse a irresponsabilidade no gasto público e a inadecuación do proxecto á normativa hoxe vixente.

O "tanque de tormentas" do Parque Pablo Iglesias é unha mostra da falta de calidade ambiental, económica e social que caracteriza este proxecto, elaborado dende meros parámetros "industriais", baixo a premisa de facer cadrar as cifras de auga a recoller polos "tanques de tormentas" coa capacidade de tratamento da depuradora, que xa estaba construída cando o proxecto dos colectores e os tanques  é redactado no ano 2010.

Nestes complexos cálculos, a dispoñibilidade dos terreos e a menor molestia ao tráfico foron os únicos factores a considerar á hora de decidir a localización dos "tanques de tormentas". Outros, como son a destrución duns xogos infantiis, a afección a dous mil metros cadrados de parque, ou a máis que probable molestia por emisión sonora e de cheiros desagradables aos veciños, non foron considerados. Había e hai alternativas perfectamente viables dende un punto de vista técnico para quitar do parque Pablo Iglesias o "tanque de tormentas", como son situalo en terreos militares próximos ou baixo unha vía de tráfico rodado (opción que sí se adopta noutras cidades como Barcelona ou Zaragoza), como é a Avenida de Esteiro.

Como xa acontecera no Xardín das Ranitas, o factor do interese social non foi considerado nas ecuacións dos técnicos nin dos políticos. A esta falla de sensibilidade social, habería que engadir unha grave falta de responsabilidade política, materializada no malgasto de cartos públicos.

No ano 2011 déronse por rematadas as obras de saneamento do Río do Tronco, que custaron 1,8 millóns de euros, e cuxo obxectivo era eliminar verquidos de augas residuais ao seu leito. Máis este importante investimento resultou de todo inútil: o proxecto que se está a executar prevé que as augas residuais e pluviais antes separadas sexan mesturadas de novo no "tanque de tormentas" de Pablo Iglesias. Ademais o último tramo do río servirá de cloaca-aliviadoiro do saneamento cando chova moito e o colector non dea abasto a tratar tanta auga.

Deste modo, a atractiva posibilidade de recuperar o río en superficie, tanto no parque Pablo Iglesias como na praza do Río do Tronco, que se pretende re-urbanizar proximamente, farase inviable cando rematen as actuais  obras de saneamento.

Os pregos para a licitación destas obras aprobáronse o 25 de xullo de 2012, un día antes de que entrase en vigor o novo Regulamento Marco do Servizo de Saneamento e Depuración de Galicia. Este regulamento prohibe expresamente o verquido de augas brancas (subterráneas, fontes, manantiais, correntes superficiais...) ao sistema de saneamento, ao tempo que tamén prohibe a mestura de augas pluviais e augas residuais.

O sistema de saneamento que se está a instalar vai “boicotear” as melloras ambientais que esta norma pretende. Mentres os cidadáns e empresas terán que facer caso das prohibicións do decreto, os seus esforzos faranse inútiles cando as augas cheguen ao sistema público de saneamento.

Eivas ambientais, condicións económicas abusivas para a cidadanía, incumprimento da nova directiva europea da auga en redacción, renuncia á posta en valor de millóns de euros de investimentos públicos en saneamento  (os que sistemáticamente, rúa a rúa da cidade, están a separar augas pluviais e residuais dende hai décadas), perda de calidade dos espazos públicos... Todas son razóns máis que suficientes para debater a fondo o sistema de saneamento proposto e modificar o proxecto.

Temos que ser quenes, a cidadanía de Ferrol, de ser capaces de sanear e poñer en valor a nosa  ría. De facer valer os valores de uso e de utilidade social sobre valores espúreos de rendibilidade política inmediata. O horizonte do 2015 debería ser o do saneamento "integral" da ría e non o dunha nova frustración. Con este "saneamento" moitos creemos que chegamos tarde, mal e sen resolver os males que levamos tantos anos padecendo. Non podemos aceptar un modelo totalmente obsoleto de saneamento. A calqueira prezo.

Hai dous anos unha mobilización social importante en contra do tanque das Ranitas foi quen. Estamos a tempo de corrixilo. De todos nos depende.  A ría de Ferrol merece outra cousa.

[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.